|
Segundo se observa polo mapa precedente, este Concello está encadrado entre
Pol e Castro de Rei, que non nos abeiran do Norte porque son terras baixas e chas.
O sol de Mediodía indícanos a inmediación do Corgo e de Baralla, terras ás que aínda estamos afeitos a chamarlles de Neira de Xusá.
A Baleira (á que algúns din Valeira, ou terras do val ), recibe o sol un chisco antes cá nós, pero dun brinco supera a Serra (Ferradura, Miradoiro, Vacariza ou Puñago, segundo os puntos), e daquela devólvelle as cores, particularmente o verde, ó noso Castro Verde.
¡Claro que se nos vai por Lugo, a cotío, ese sol vivificante, activador da clorofila, mais..., xa estamos afeitos! Cando se pon, por aquí dícese que vai nas Américas , e daquela lembrámonos con íntima emoción dos nosos emigrantiños, dos seus fillos, dos seus netos... ¡ Leva consigo, coma un embaixador, as nosas memorias, as nosas apertas! Das últimas xeracións, moitos temos, aínda, por Europa arriba, pero eses, con isto da Comunidade, case, case, que están na propia casa, na leira colindante.
Por Lugo sempre se foi o sol, os impostos, os quintos, os emigrantes... ¡Cousas da xeo-política; que se lle vai facer! Pero eles tamén nos rinden tributo xa que, cando non teñen mellor cousa que facer, métense no auto, tiran de starter , e daquela, catro leguas de nada. Plántanse en Castroverde, de visita, para recarga-las pilas, para disfrutar do noso acollemento, deste microclima, suave, mellorado; desta paisaxe tonificante; e tamén, ¡tamén!, dunha gastronomía xenerosa, repousada, boccata di cardinale ... ¡ Pero qué listos son eses capitalinos, canto aprenderon dos romanos!
Castroverde pertence ó partido xudicial, comarca e provincia de Lugo.
Coordenadas: Na cabeceira do concello:
Lat. 43º 01´ 50´´ N.
Lonx 7º 19´ 30´´ O.
¿Como chegar?
Chegar, vir, é doado; o malo é saír..., ¡despois de namorados!
A escoller: En dirección Lugo-Asturias témo-la C - 630. Os da Terra Cha suben pola D.P. 1611. E polo que fai á Autovía, pode accederse ós termos de Castroverde desde Sobrado do Picato; ou polo Camiño Ancho (D.P. 1611); ou desde o Carqueixo (collendo a xa citada C-630)
Pero quédanos a principal, ¡O Camiño Primitivo! Aínda que non é moi exacto chamarlle así, pero esa é a súa denominación actual, oficial. Este é o " Camiño " por antonomasia, sen dúbida, xa que o cabalgou, ata Lugo por sobre da calzada romana, o fundador de Compostela, Afonso II . Coas alforxas acoguladas, como correspondía a un fundador daqueles tempos.
Os outros, os outros Camiños, en realidade de verdade son derivacións, ampliacións, acomodacións ó punto de partida de cada pelegrinaxe.
E logo que esta, a nosa, é a Vía do Pracer , por excelencia: poética, bucólica, un ensoño paisaxístico. Todas teñen o seu aquel, pero a nós cómprenos pondera-la nosa, presentárlle-la tal e como é, ¡unha Vía Láctea, saturada de teixas!
Ditosa Vía devida en Camiño Sacro , que ten servido para ben cousas:
Ós romanos , para bloquea-lo poñente cántabro; para reforzar e/ou releva-las lexións ástures; para caza-lo xabaril; e tamén, ¡tamén!, para ir de mozas á Fons Sacrata, que o que é as de cercanías..., ¡romanizadas, unha por unha, desde o primeiro día, desde que tal tropa a Lugo chegou!
Ós suevos , para arrea-las teixas , daquela que viñeron a posesionarse do tercio; ¡e xa non fose tercio e quinto, que é moita a toponimia que por aquí se enxendrou! (Dezaseis séculos despois, pola mesma ruta, entrounos outra invasión de vacas, esta vez de pintas , procedentes da feira de Torrelavega)
Polo 714 , en vista de que se lles resistiu a muralla de Lugo, os mouros, famentos que estarían, achegáronse ó Castro Verde en busca de vitela... Como primeira reacción, estes do Condado de Flammoso, arrearon coa vacada polas mesmas corredoiras que deixaran seus avós, aqueles suevos, ó vir. Pero en Covadonga ó señor conde acabóuselle a pacencia, (un tal Paio, ou Pelaio, que tanto dá), e devolveu as vacas ás súas praderías do Val Verde; ós mouros deulles a escoller: ¡ou con Alá , ou para alá do Puertu Pallares!
Proclamado Rei un tal Silo , (774 - 783), que o foi en puro nepotismo, sen contar cos outros prebostes da Gran Gallaecia (que era reino, Galliciense Regnum , desde o 410, en virtude daquel pacto que asignaron o rei suevo Hermerico co entón Emperador de Roma, Honorio), montou en cólera e aguillou no seu asturcón, dándose, de paso, unha cabalgada recadadora ó longo da Vía Romana . Con tal furia o fixo que deixou motivo, aí arriba do Cádavo, para ese topónimo tan significativo do Campo da Matanza. Os sobreviventes, ¡sálvese quen poda!, tiraron cara ás fragas do Monte Cuperio (Montecubeiro), pero a vesanía daquel tirano rematou cos seus opoñentes aí por Cepomundin, deixando outros topónimos non menos elocuentes, como son a Fonte de Matahomes e mailo Rego dos Ósos (así, con acento). Con estes abusos, con estes precedentes, con tal escarmento, o tal Silo deu en chamarse Rei das Asturias... ¡Rei dos cómaros, e non da Leira, á que, nembargantes, nunca renunciaron!
Cara ó 823 Afonso II , co seu séquito, e coa prata que puido arrexuntar, dispúxose a erixirlle un templo de categoría ó Señor Sanct Iago, flamíxera espada que o ía defender daquelas razzias daqueles de Alá , que arruinaban aquela cristiandade arrempuxada contra as cordas do mar. Así que, pola Vía do Castro Verde , co seu séquito, púxose de Camiño, de peregrinaxe constructiva. ¡Boa a fixo, que de paso, e sen decatarse diso, amais de Compostela estaba fundando a Unión europea, e nós, no medio, de cabeza de ponte!
San Francisco de Asís , de volta de Santiago onde nomeara Constructor ó seu fiel Cotolai , detívose en Vilabade, ó sopé da serra do Pradairo; segundo contan os vellos do lugar, precisamente aí onde fixera amizade, á ida, co lobo da Vacariza. Namorado do lugar, case un panteista, pedíulle ó Señor Feudal do noso Condado que lle cedese un anaco daquela aba, orientada precisamente cara ó santuario compostelán, ¡e deulla, por certo, mais coa conditio de que este lugar pasaría a chamarse Vila do Abade , para distinguilo dos burgos dos seus burgueses, tal que Bolaño, e particularmente do seu Vilariño do Castro Verde!
Polo mesmo Camiño íase a Lugo...; ¡sempre a Lugo, século a século! Para paga-las rendas, e coas rendas, os trabucos. Para emigrar. Para entrar en quintas. Acaso algún preito cos veciños, que a terra boa sempre foi cobizada... Ata que en 1936 volveron os mouros. Incrible, pero certo. ¡Que reiteracións, que contrastes ten a Historia! Volveron, si, en efecto, Camiño de Asturias, Camiño de Covadonga, pero esta vez sen camelos, aupados na caixa duns camións requisados... E berraban: ¡Viva Spania! ( Spania lle chamaron sempre á España moruna; ¡o colmo!) Daquela o señor Cura de Castroverde, un home previsor, un bo diplomático, seica escondeu a imaxe do cabalo branco de Santiago tapándoa cun lenzo morado, como se facía por Semana Santa, ¡para que houbese paz!
Por iso, e por outros motivos igualmente entrañables, o Camiño merece unha detención en Castroverde, no Castrum do Vallis Viridis , ¡sequera sexa para celebrar connosco estes fastos!
|